CHUVIA
PROFESOR ANXO GONZÁLEZ GUERRA
- Acabamos de poñer tamén unha ligazón a Meteogalicia neste web do Sánchez Cantón. Que roupa vou levar hoxe ao instituto? Debo levar paraugas? Por iso mentres repaso as tarefas e o material que teño que meter na mochila tamén miro o tempo.
- Este curso foi o da chuvia: días e días mollados. Mais debe ser algo normal en Galicia cando temos tantas palabras para o chuvia e o chover. En ogalego.eu recóllense unha morea de xeitos de dicir que chove e tamén frases feitas e refráns.
- Hoxe na Radio Galega en Galicia por Diante o profesor Anxo González Guerra, xefe do Departamento de Lingua e Literatura Galega falou da chuvia.
ogalego.eu
Anxo González Guerra. Victoria Ogando
Moito debe chover en Galicia para que o galego teña máis de 70 palabras para chuvia, 30 para chover e ditos, refráns, etc
- 1. Como chove miudiño, como miudiño chove… Rosalía de Castro
Estes versos son dos máis recitados en galego. E para a chuvia miúda e fina temos nada menos ca estas palabras:
1. babuña
2. babuxa
3. barbaña
4. barbuña
5. barbuza
6. barrallo
7. barrufa
8. barrufo
9. barruñeira
10. barruzada
11. barruzo
12. bátega
13. borralla
14. borrallada
15. breca
16. chuviñada
17. chuviñeira
18. chuvisca
19. chuviscada
20. froallo
21. lapiñeira
22. marmaña
23. mera
24. morriña
25. morriñada
26. orballada
27. orballeira
28. orballiscada
29. orballo
30. patiñeira
31. patumeira
32. poalla
33. poallada
34. poallo
35. poalleira
36. salseiro
37. zarapallada
38. zarzallo
E na Mariña de Lugo tamén se di boubizo (e boubizar) -Francisco Xosé Candia Durán-
- 2. Mexan por nós e temos que dicir que chove… Castelao
Para indicar unha chuvia forte temos:
1. arroiada
2. ballón
3. balloada
4. basto
5. bátega
6. bategada
7. brea
8. calistro
9. cebra
10. cebrina
11. cebrisca
12. chaparrada
13. chaparrazo
14. chuvascada
15. chuvasco
16. chuvieira
17. chuviñeira
18. cifra
19. ciobra
20. coriscada
21. corisco
22. decembra
23. diluvio
24. dioiva
25. dioivo
26. torba
27. torbada
28. torboada
29. torbón
30. treboada
31. trebón
32. xistra
33. zarracina
Alexandre Giráldez Soage: CAIRO: chuvia forte e, normalmente, de duracion breve. Ex: "está a cair un cairo", "cacho de cairo está a cair", "hoxe está de cairos". No Morrazo, en Cangas, Moaña, Bueu
- 3. Chove en Santiago, meu doce amor… Federico García Lorca
Para a chuvia con moito aire temos :
1. brea
2. cebrina
3. cebrisca
4. chuvascada
5. chuvasco
6. cifra
7. ciobra
8. coriscada
9. corisco
10. zarracina
- 4. Aran os bois e chove... Xosé María Díaz Castro
Para a chuvia mesturada coa néboa:
1. Barruzo
2. breca
3. mera
4. salseiro
- 5. Que chove despois de chover, don Gregorio... Manuel Rivas
Cando a chuvia vén mesturada con neve:
1. calistro
2. cebrina
3. cebrisca
4. coriscada
5. corisco
6. torba
7. xistra
- 6. ...aferrará connosco unha vela de chuvascos ... Manuel Antonio
Chove para que eu soñe... Uxío Novoneyra
E velaquí todos os substantivos que o galego ten para a chuvia:
1. arroiada: choiva forte e intensa
2. babuña: chuvia miúda e pouco intensa,
3. babuxa: chuvia miúda e pouco intensa,
4. ballón: tromba de auga forte e intensa
5. balloada: chuvia intensa que se prolonga varios días seguidos, : chuvia repentina, intensa e curta
6. barbaña: chuvia miúda e pouco intensa
7. barbuña: chuvia miúda e pouco intensa
8. barbuza: chuvia miúda e pouco intensa
9. barrallo: chuvia miúda e pouco intensa
10. barrufa: chuvia miúda e pouco intensa
11. barrufo: chuvia miúda e pouco intensa
12. barruñeira: chuvia miúda e pouco intensa
13. barruzada: chuvia fina e persistente
14. barruzo: chuvia miúda e pouco intensa, mesturada con néboa
15. basto: chuvia repentina, intensa e curta
16. bátega: chuvia repentina, intensa e curta
17. bategada: tromba de auga forte e intensa, : chuvia repentina, intensa e curta
18. borralla: chuvia miúda e pouco intensa
19. borrallada: chuvia miúda e pouco intensa
20. brea: chuvia forte e con vento
21. breca: chuvia miúda e pouco intensa, mesturada con néboa
22. calistro: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
23. cebra: chuvia repentina, intensa e curta .. acompañada de vento
24. cebrina: temporal de chuvia e neve con vento forte
25. cebrisca: temporal de chuvia e neve con vento forte. Sarabiada forte
26. chaparrada: choiva forte e intensa, tromba de auga forte e intensa, chuvia repentina, intensa e curta
27. chaparrazo: choiva forte e intensa, tromba de auga forte e intensa, chuvia repentina, intensa e curta
28. choiva: precipitación en forma de pingas, chuvia
29. chuiva: variante dialectal de chuvia
30. chuva: variante dialectal de chuvia
31. chuvascada: precipitación intensa e abundante, acompañada case sempre de vento forte
32. chuvasco: precipitación intensa e abundante, acompañada case sempre de vento forte
33. chuvia: precipitación en forma de pingas, choiva
34. chuvieira: chuvia forte e intensa, tromba de auga forte e intensa
35. chuviñada: chuvia miúda e pouco intensa
36. chuviñeira: chuvia repentina, intensa e curta
37. chuvisca: chuvia miúda e pouco intensa
38. chuviscada: chuvia miúda e pouco intensa
39. cifra: chuvia forte e con vento
40. ciobra: chuvia forte e con vento
41. coriscada: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
42. corisco: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
43. decembra: chuvia forte e prolongada habitual en decembro
44. diluvio: chuvia moi abundante e intensa
45. dioiva: chuvia moi abundante e intensa
46. dioivo: chuvia moi abundante e intensa
47. escarabana: auga moi fría con sarabia
48. froallo: chuvia miúda e pouco intensa
49. lapiñeira: chuvia miúda e pouco intensa
50. marceada: tempo con claros e chuvias propio de marzo
51. marmaña: chuvia miúda e pouco intensa
52. mera: chuvia moi fina que se desprende da néboa mesta
53. morriña: chuvia miúda e persistente
54. morriñada: chuvia miúda e persistente
55. orballada: chuvia miúda e de pouca duración
56. orballeira: chuvia miúda e de pouca duración
57. orballiscada: orballo moi fino, que case non chove nada
58. orballo: chuvia fina e persistente,
59. patiñeira: chuvia fina e persistente
60. patumeira: chuvia fina e persistente
61. poalla: chuvia miúda e pouco intensa,
62. poallada: chuvia miúda e pouco intensa
63. poallo: chuvia miúda e pouco intensa
64. poalleira: chuvia miúda e pouco intensa
65. salseiro: pingas de auga que producen unha néboa mesta provocada polo vento na superficie do mar
66. torba: auga de chuvia mesturada con neve fina
67. torbada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
68. torboada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
69. torbón: tromba de auga forte e intensa, tormenta
70. treboada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
71. trebón: tromba de auga forte e intensa, tormenta
72. xistra: chuvia e neve con vento moi frío
73. zarapallada: chuvia miúda e pouco intensa
74. zarracina: chuvia abundante con moito vento
75. zarzallo: chuvia miúda e pouco intensa
- 7. O paxaro cando chove mete o rabo na silveira... Popular
E os verbos utilizados para indicar como chove:
1. arroiar: chover forte e intenso
2. baballar: caer chuvia miúda, fina
3. babuñar: caer chuvia miúda, fina
4. babuxar: caer chuvia miúda, fina
5. barbañar: caer chuvia miúda, fina
6. barbuñar: caer chuvia miúda, fina
7. barbuzar: caer chuvia miúda, fina
8. barrallar: caer chuvia miúda, fina
9. barrufar: caer chuvia miúda, fina
10. barruñar: caer chuvia miúda, fina e persistente
11. barruzar: caer chuvia miúda, fina
12. bategar: chover de xeito repentino e intenso por pouco tempo
13. brecar: caer chuvia miúda, fina
14. cebriscar: caer neve miúda con moito vento
15. Chorrear: chover forte e intenso
16. Chover: caer auga das nubes en forma de pingas
17. Chuviñar: caer chuvia miúda, fina
18. Chuviscar: caer chuvia miúda, fina
19. Cifrar: soar o vento e chover forte
20. Coriscar: chover con frío ou caer neve miúda
21. Decembrar: chover forte e seguido, típico de decembro
22. Diluviar: chover moito e seguido
23. Froallar: caer chuvia miúda, fina
24. Lapiñar: caer chuvia miúda, fina
25. Marcear: facer un tempo de marzo con claros e chuvias
26. Marmañar: caer chuvia miúda, fina
27. Merar: desprenderse unha chuvia moi fina da néboa mesta
28. Orballar: caer chuvia miúda, fina
29. Orballiscar: orballar moi suave
30. Patiñar: caer chuvia miúda, fina
31. Poallar: caer chuvia miúda, fina
32. Xistrar: caer auga moi fría con neve
33. zarzallar: caer chuvia miúda, fina
- 8. Cando chove non te mollas, cando fai sol non te queimas... Popular
E os adxectivos que teñen que ver coa forma de chover:
1. babuxado: terreo humedecido pola chuvia fina
2. babuxento: tempo húmido no que chove moito
3. barrucento: tempo húmido no que chove moito
4. barralloso: dise do tempo en que cae chuvia miúda
5. barrucento: tempo húmido no que chove moito
6. chuviñento: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia
7. chuviñoso: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia
8. chuvioso: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia
9. corisqueiro: dise do tempo no que chove con frío ou cae neve miúda
10. corisquento: dise do tempo no que chove con frío ou cae neve miúda
11. froalleiro: dise do tempo non que cae chuvia miúda seguido
12. froallento: dise do tempo non que cae chuvia miúda seguido
13. morriñenta: dise da chuvia miúda e persistente
14. orballento: dese do tempo no que cae unha chuvia fina e persistente
15. orballisqueiro: dise do tempo no que orballa frecuentemente
16. poallento: dise do tempo no que cae chuvia fina e miúda
- 9. Cando chove moito entra alguén e di: non sei se choverá/parece que chove/igual chove/vai chover...
E as frases feitas para indicar que chove moito:
1. chover a arroiar
2. chover a ballón
3. chover a cachón
4. chover a caldeiradas
5. chover a canados
6. chover a ceo aberto
7. chover a chapuzos
8. chover coma quen a envorca
9. chover ás cuncas
10. chover a Deus dala
11. chover a Deus dar
12. chover a manta
13. chover a mares
14. chover a varrer
15. chover a xerros
16. chover o mar chovido
17. chove que arrepía
18. chove que mete medo
- 10. E choverá papá, choverá Pachín... Dito popular
E os ditos sobre o chover:
1. chover sobre mollado: sucede algo malo despois de outra cousa mala xa acontecida
2. chova que neve!: pase o que pase
3. chóvelle na cabeza: está tolo
4. coma quen ve chover: non facer caso, deixalo pasar
5. nunca choveu que non escampase: todo ten remedio
6. por min que chova!: tanto me ten
7. xa choveu!: hai moito tempo
8. chóvelle no fallado: ten problemas mentais
9. unhas pingan e outras mollan: todo é o mesmo
- 11. Sentar a ver chover... Deporte tradicional galego
Xesús Ferro Ruibal no seu Refraneiro Galego Básico recolle entre outros estes refráns sobre o chover:
1. A mera de san Xoán leva o viño e mailo pan: as néboas e orballos de finais de xuño son prexudiciais para as viñas e os cereais
2. Abril para ser abril ten que vir con augas mil
3. Abril augas mil, se non é no comezo ó medio ou á fin: sempre ha chover moito en abril
4. Abril frío e mollado enche o celeiro e farta o gado: moi boas colleitas
5. Abril quente e mollado carga o carro e engorda o gado: moi boas colleitas
6. Ano de chuvias, poucas madrugas: queda un na cama, non madruga
7. Auga de maio trae boa ano/pan para todo o ano: moi beneficiosa
8. Auga de mediodía, auga de todo o día: choverá todo o día
9. Auga de trebón nunha parte dá e noutra non: como vén forte nuns sitios estraga e noutros é beneficiosa
10. Auga de xaneiro, cada pinga vale diñeiro: en xaneiro pouca auga vale moito
11. Auga en febreiro mellor ca en xaneiro
12. Auga miúda, vendaval que dura: moitas veces a chuvia fina acabará en forte vendaval
13. Auga/chuvia de febreiro fai palleiro: boa para os cereais
14. Auga/chuvia mañanceira non é duradeira: cando chove moi cedo non dura
15. Brétemas no alto, chuvias no baixo: na cima do monte néboa e no val chuvia
16. Cando chove e fai vento, pecha a porta e estate dentro
17. Cando chove e vai sol, alegre está o pastor: medran os pastos
18. Cando chove e vai sol, é tempo de requeixón: moito leite de vaca
19. Cando chove moito, ha de escampar logo: pronto deixará de chover
20. Cando chove o domingo antes da misa, toda a semana vai de risa: a xente da parroquia acudía o domingo á misa ben vestida, por iso o dito
21. Cando non chove en febreiro, nin bo prado nin bo centeo nin bo lameiro
22. Cando o sol madruga, é sinal de chuvia
23. Chova para min abril e maio e para ti todo o ano: cando máis necesarias son as chuvias
24. Chuvia no mar e vento na ría, chuvia para todo o día
25. Chuvia no mes de agosto non é chuvia que é mel e mosto: mellora a colleita de mel e uvas
26. Chuvia por santa Lucía tolle a sardiña: chuvia polo 13 de decembro é mala
27. En marzo auga que non molle o rabo do gato: que chova pouco
28. Moita chuvia en xaneiro, mala anada no cabaceiro: mala colleita
29. Moitas augas en maio traen mal ano: non debe chover moito
30. Nadal mollado e xaneiro ben xeado: que chova en decembro e frío en xaneiro
31. No ano que moito chove o labrego traballa máis que come: é mal ano no campo
32. Se o gato lava a cara, é que venta enchente de auga: cando se lambe moito vai chover
33. Se polo san Xurxo chove de mil cereixas quedan nove: cando chove polo 23 de abril sofren as cereixas novas
- 12. Nunca chove a gusto de todos... Popular
En Trasar de Carballo (Lugo) Pilar Guerra recolleu estes ditos sobre a chuvia:
· A mera de San Xoán leva o viño e non deixa o pan: a choiva miúda, néboa mesta de xuño prexudicial para os campos
· A porca de maio ou no principio ou no cabo, e han parar os bois quince días antes ou despois: en maio ten que haber 15 días de mal tempo
· A porca de maio vale máis no principio ca no cabo: a chuvia fai máis nos primeiros de maio
· Manda chover na Habana!: vello dito de admiración
· Marzo ventoso e abril chuvioso: mellor moito vento en marzo e choiva en abril
· Non hai sábado sen sol: cando un sábado chove moito, dise a frase
· Se chove en xaneiro, nin boa meda nin bo palleiro: mala colleita de centeo
Irlle botar un torbón: ir beber algo (case sempre viño)
- 13. E a mellor cidade do mundo para ver chover... Santiago de Compostela
Luz de tebra, Ánxel Vázquez de la Cruz, Xerais, 1010: A cidade recibíanos no primeiro ano cunha degustación de chuvias. A mansa chuvia do chove miudiño de Rosalía, na invernía. A chuvia rala e espallada do comezo do trebón, ou a espasmódica das primaveras equívocas. A chuvia minuciosa ou en altas e ventadas ondadas no Obradoiro, tantas veces rematadas por unha raiola do sol -non sabemos se gabanciosa ou burlona- ao que só lle faltaba o triángulo de Yavhé para lanzar unha proclama. A chuvia olorosa no outono de Santa Susana. A chuvia musical sobre lucernarios e tellados. O orballo como unha inmensa vacúa lambendo amorosamente a cidade enteira. A chuvia que fixo posíbeis as frondosidades das vellas pedras con lidros, mofos, brións, vexetación varia, en contrarréplicas magníficas á arte humana e os seus capiteis barrocos. A cidade da chuvia... (p. 44)
- E para escoitar mentres cae a chuvia, Treixadura, se chove